246
Vencede, se acaso a advertides, a nugalla, o falso criterio de que a oración pode esperar. Non atrasemos xamais esta fonte de graza para mañá. Agora é o tempo oportuno. Deus, que é amoroso espectador do noso día enteiro, preside a nosa íntima pregaria: ti e mais eu —vólvoo a asegurar— temos que nos confiar con El como se confía nun irmán, nun amigo, nun pai. Dille —eu dígollo— que El é toda a Grandeza, toda a Bondade, toda a Misericordia. E engade: por iso quero namorarme de Ti, a pesar do basto das miñas maneiras, destas pobres mans miñas, deturpadas e maltratadas polo po dos vieiros da terra.
Deste xeito, case sen nos decatar, avanzaremos con pisadas divinas, rexas e vigorosas, nas que se saborea o íntimo convencemento de que xunto ao Señor tamén son gustosos a dor, a abnegación, os sufrimentos. Que fortaleza, para un fillo de Deus, saberse tan preto do seu Pai! Por iso, suceda o que suceda, estou firme, seguro contigo, Señor e Pai meu, que es a rocha e a fortaleza20.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/246/ (14-12-2025)