247
Para algúns, todo isto quizais resulta familiar; para outros, novo; para todos, arduo. Pero eu, mentres teña folgos, non deixarei de predicar a necesidade primordial de ser alma de oración ¡sempre!, en calquera ocasión e nas circunstancias máis dispares, porque Deus non nos abandona nunca. Non é cristián pensar na amizade divina exclusivamente como nun recurso extremo. Pódenos parecer normal ignorar ou desprezar as persoas que amamos? Evidentemente, non. Aos que amamos van constantemente as palabras, os desexos, os pensa-mentos: hai como unha continua presenza. Pois deste xeito con Deus.
Con esta procura do Señor, toda a nosa xornada convértese nunha soa íntima e confiada conversa. Afirmeino e escribino tantas veces, mais non me importa repetilo, porque o Noso Señor nos fai ver —co seu exemplo— que ese é o comportamento axeitado: oración constante, da mañá á noite e da noite á mañá. Cando sae con facilidade: grazas, meu Deus! Cando chega o momento difícil: Señor, non me abandones! E ese Deus, manso e humilde de corazón21, non esquecerá os nosos rogos, nin permanecerá indiferente, porque El afirmou: pedide e darásevos, buscade e atoparedes, chamade e abrirásevos22.
Procuremos, polo tanto, non perder xamais o punto de mira sobrenatural, vendo detrás de cada acontecemento a Deus: ante o agradable e o desagradable, ante o consolo... e ante o desconsolo pola morte dun ser querido. Primeiro de todo, a charla co teu Pai Deus, buscando ao Señor no centro da túa alma. Non é cousa que se poida considerar como pequenez, de pouca monta: é manifestación clara de vida interior constante, de auténtico diálogo de amor. Unha práctica que non nos vai producir ningunha deformación psicolóxica, porque —para un cristián— debe resultar tan natural como o latexar do corazón.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/247/ (14-12-2025)