249
Que non falten na nosa xornada uns momentos dedicados especialmente a frecuentar a Deus, elevando cara El o noso pensamento, sen que as palabras teñan necesidade de se asomar aos beizos, porque cantan no corazón. Dediquemos a esta norma de piedade un tempo suficiente; a hora fixa, se é posible. A carón do Sagrario, acompañando ao que se quedou por Amor. E se non houbese máis remedio, en calquera parte, porque o noso Deus está de modo inefable na nosa alma en graza. Aconséllote, non obstante, que acudas ao oratorio sempre que poidas: e poño empeño en non o chamar capela, para que resalte de modo máis claro que non é un sitio para estar, con gravidade de oficial cerimonia, senón para levantar a mente en recollemento e intimidade ao ceo, co convencemento de que Xesucristo nos ve, nos oe, nos espera e nos preside desde o Tabernáculo, onde está realmente presente escondido nas especies sacramentais.
Cada un de vós, se quere, pode atopar a súa propia canle, para este coloquio con Deus. Non me gusta falar de métodos nin de formas, porque nunca fun amigo de enfaixar a ninguén: procurei animar a todos a achegarse ao Señor, respectando cada alma tal como é, coas súas propias características. Pedídelle que meta os seus designios na nosa vida: non só na cabeza, senón na entraña do corazón e en toda a nosa actividade externa. Asegúrovos que deste xeito aforraredes grande parte dos desgustos e das mágoas do egoísmo, e sentirédesvos con forza para estender o ben ao voso redor. Cantas contrariedades desaparecen, cando interiormente nos colocamos ben próximos a ese noso Deus, que nunca abandona! Renóvase, con distintos matices, ese amor de Xesús polos seus, polos enfermos, polos tolleitos, que pregunta: que che pasa? Pásame... E, axiña, luz ou, polo menos, aceptación e paz.
Ao invitarte a estas confidencias co Mestre refírome especialmente ás túas dificultades persoais, porque a maior parte dos atrancos para a nosa felicidade nacen dunha soberbia máis ou menos agochada. Xulgámonos dun valor excepcional, con calidades extraordinarias; e, cando os demais non o estiman dese xeito, sentímonos humillados. É unha boa ocasión para acudir á oración e para rectificar, coa certeza de que nunca e tarde para cambiar a rota. Mais é moi conveniente iniciar este cambio de rumbo canto antes.
Na oración a soberbia, coa axuda da graza, pódese transformar en humildade. E brota a verdadeira ledicia na alma, malia que notemos aínda o barro das ás, o lodo da pobre miseria, que se está a secar. Despois, coa mortificación, caerá ese barro e poderemos voar moi alto, porque nos será favorable o vento da misericordia de Deus.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/249/ (14-12-2025)