25

Considerade agora o momento sublime no que o Arcanxo san Gabriel anuncia a Santa María o designio do Altísimo. A Nosa Nai escoita, e pregunta para comprender mellor o que o Señor lle pide, logo, a resposta firme: fiat! 8 —fágase en min segundo a túa palabra!—, o froito da mellor liberdade: a de decidirse por Deus.

En todos os misterios da nosa fe católica latexa ese canto á liberdade. A Trindade Beatísima saca da nada o mundo e o home, nunha libre prodigalidade de amor. O Verbo baixa do Ceo e toma a nosa carne con ese selo estupendo da liberdade no sometemento: velaquí que veño, segundo está escrito de min no principio do libro, para cumprir, oh Deus!, a túa vontade9. Cando chega a hora marcada por Deus para salvar á humanidade da escravitude do pecado, contemplamos a Xesucristo en Xetsemaní, sufrindo dolorosamente ata derramar unha suor de sangue10, que acepta espontánea e rendidamente o sacrificio que o Pai lle reclama: como año levado ao matadoiro, como ovella muda ante os tosquiadores11. Xa o anunciara aos seus, nunha desas conversas nas que vertía o seu Corazón, para que os que o aman coñezan que El é o Camiño — non hai outro— para achegarse ao Pai: por iso o meu Pai ámame, porque dou a miña vida para tomala outra vez. Ninguén ma arrinca, xa que eu a dou pola miña propia vontade, e eu son dono de dala e dono de recobrala12.

Notas
8

Lc I, 38.

9

Hebr X, 7.

10

Cfr. Lc XXII, 44.

11

Is LIII, 7.

12

Ioh X, 17-18.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma