253
Pensas que os teus pecados son moitos, que o Señor non te poderá oír? Non é así, porque ten entrañas de misericordia. Se, a pesar desta marabillosa verdade, percibes a túa miseria, móstrate coma o publicano28: Señor, aquí estou, ti verás! E observade o que nos conta san Mateu, cando a Xesús lle poñen diante un paralítico. Aquel enfermo non comenta nada: só está alí, na presenza de Deus. E Cristo, removido por esa contrición, por esa dor do que sabe que non merece nada, non tarda en reaccionar coa súa misericordia habitual: ten confianza, que che son perdoados os teus pecados29.
Eu aconsélloche que, na túa oración, interveñas nas pasaxes do Evanxeo, como un personaxe máis. Primeiro imaxínaste a escena ou o misterio, que che servirá para recollerte e meditar. Despois aplicas o entendemento, para considerar aquel trazo da vida do Mestre: o seu Corazón entenrecido, a súa humildade, a súa pureza, o seu cumprimento da Vontade do Pai. Logo cóntalle o que a ti che adoita suceder nestas cousas, o que che pasa, o que che está sucedendo. Permanece atento, porque quizais el che quererá indicar algo: e xurdirán esas mocións interiores, ese caer na conta, esas reconvencións.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/253/ (14-12-2025)