254

Para lle dar canle á oración adoito —quizais poida axudarlle tamén a algún de vós— a materializar ata o máis espiritual. O Noso Señor utilizaba ese procedemento: gustáballe ensinar con parábolas, sacadas do ambiente que o arrodeaba: do pastor e das ovellas, da vide e dos cotóns, de barcas e de redes, da semente que o sementador bota ao chou...

Na nosa alma caeu a Palabra de Deus. Que clase de terra lle temos preparado? Son abondosas as pedras? Está inzada de silvas? É quizais un lugar demasiado pisado por andaduras soa-mente humanas, pequenas, sen brío? Señor, que a miña parcela sexa terra boa, fértil, exposta xenerosamente á chuvia e ao sol; que arraigue a túa semente; que produza espigas repletas de gran, trigo bo.

Eu son a vide e vós os cotóns30. Chegou setembro e están as cepas cheas de cotóns longos, delgados, flexibles e nodosos, ateigados de froito, listo xa para a vendima. Mirádeos repletos, porque participan do vizo do tronco: só deste xeito se puideron converter en polpa doce e madura, que encherá de alegría a vista e o corazón da xente31, aqueles minúsculos gromos de hai uns meses. No chan quedan quizais uns garabullos soltos, medio soterrados. Eran tamén cotóns, pero secos, agostados. Son o símbolo máis gráfico da esterilidade. Porque sen Min non podedes facer nada32.

O tesouro. Imaxinade o gozo inmenso do afortunado que o atopa. Rematáronse as estreiteces, as angustias. Vende todo o que posúe e compra aquel campo. Todo o seu corazón la texa alí: onde agocha a súa riqueza33. O noso tesouro é Cristo; non nos debe importar botar pola borda todo o que sexa atranco, para poder seguilo. E a barca, sen ese lastre inútil, navegará dereitamente cara ao porto seguro do Amor de Deus.

Notas
30

Ioh XV, 5.

31

Cfr. Ps CIII, 15.

32

Ioh XV, 5.

33

Cfr. Mt VI, 21.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma