26
O senso da liberdade
Nunca daremos entendido esa liberdade de Xesucristo, inmensa —infinita— coma o seu amor. Pero o tesouro preciosísimo do seu xeneroso holocausto débenos mover a pensar: por que me deixaches Señor, este privilexio, co que son capaz de seguir os teus pasos, mais tamén de ofenderte? Chegamos dese xeito a calibrar o recto uso da liberdade cando se dispón cara ao ben; e a súa equivocada orientación, cando con esa facultade o home se esquece, apártase do Amor dos amores. A liberdade persoal —que defendo e defenderei sempre con todas as miñas forzas— lévame a demandar con convencida seguridade, consciente tamén da miña propia fraqueza: que esperas de min, Señor, para que eu voluntariamente o cumpra?
Respóndenos o mesmo Cristo: veritas liberabit vos13; a verdade faravos libres. Que verdade é esta, que inicia e consuma en toda a nosa vida o camiño da liberdade. Resumiréivola, coa ledicia e a certeza que proveñen da relación entre Deus e as súas criaturas: saber que saímos das mans de Deus, que somos obxecto da predilección da Trindade Beatísima, que somos fillos de tan grande Pai. Eu pido ao meu Señor que nos decidamos a decatarnos diso, a saborealo día a día: así obraremos como persoas libres. Non o esquezades: o que non se sabe fillo de Deus, descoñece a súa verdade máis íntima, e carece na súa actuación do dominio e do señorío propios dos que aman ao Señor por riba de todas as cousas.
Persuadídevos, para gañar o ceo temos que nos empeñar libremente, cunha plena, constante e voluntaria decisión. Pero a liberdade non se basta a si mesma: necesita un norte, unha guía. «Non cabe que a alma ande sen ninguén que a rexa; e para isto foi redimida de xeito que teña por Rei a Cristo, cuxo xugo e suave e a súa carga lixeira (Mt XI, 30), e non ao diabo, cuxo reino é pesado»14.
Rexeitade o engano dos que se conforman cunha triste barafunda: liberdade, liberdade! Moitas veces nese mesmo clamor agóchase unha tráxica servidume: porque a elección que prefire o erro, non libera; o único que libera é Cristo15, xa que só El é o Camiño, a Verdade e a Vida16.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/26/ (14-12-2025)