260

Imos acompañar a Cristo nesta pesca divina. Xesús está a carón do lago de Xenesaret e as xentes axúntanse ao seu redor, ansiosas de escoitar a palabra de Deus10. Coma hoxe! Non o vedes? Están desexando escoitar a mensaxe de Deus, aínda que externamente o disimulen. Quizais algúns esqueceron a doutrina de Cristo; outros —sen culpa pola súa parte— non a aprenderon nunca, e pensan na relixión como en algo estraño. Pero, convencédevos dunha realidade sempre actual: chega sempre un momento no que a alma non pode máis, non lle bastan as explicacións habituais, non lle compracen as mentiras dos falsos profetas. E, aínda que non o admitan entón, esas persoas senten fame de saciar a súa inquedanza coa ensinanza do Señor.

Deixemos que narre San Lucas: nisto viu dúas barcas na beira do lago, das que baixaran os pescadores, e estaban a lavar as redes. Subindo, pois, a unha, que era de Simón, pediulle que a desviase un pouco de terra. E sentándose dentro, predicaba desde a barca ao numeroso concurso11. Cando rematou a súa catequese, ordenou a Simón: guía mar a dentro, e botade as vosas redes para pescar12. É Cristo o amo da barca; é El quen prepara a faena: para iso veu ao mundo, para ocuparse de que os seus irmáns encontren o camiño da gloria e do amor ao Pai. O apostolado cristián non o inventamos nós. Os homes, se cadra, obstaculizámolo: coa nosa torpeza, coa nosa falta de fe.

Notas
10

Lc V, 1.

11

Lc V, 2-3.

12

Lc V, 4.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma