262

Repetiranse os milagres

Tamén, a nós, se loitamos acotío por acadar a santidade cada quen no seu propio estado dentro do mundo e no exercicio da propia profesión, na nosa vida ordinaria, atrévome a asegurar que o Señor nos fará instrumentos capaces de obrar milagres e, se fose preciso, dos máis extraordinarios. Daremos luz aos cegos. Quen non podería contar mil casos de como un cego case de nacemento, recobra a vista, recibe todo o esplendor da luz de Cristo? E outro era xordo, e outro mudo, que non podían escoitar ou articular unha palabra como fillos de Deus... E purificáronse os seus sentidos, e escoitan e exprésanse xa como homes, non como bestas. In nomine Iesu!17, no nome de Xesús os seus Apóstolos danlle a facultade de moverse a aquel tolleito, incapaz dunha acción útil; e aqueloutro preguiceiro, que coñecía as súas obrigas pero non as cumpría... No nome do Señor, surge et ambula!18, érguete e anda.

O outro, defunto, apodrecido, que cheiraba a cadáver, percibiu a voz de Deus, como no milagre do fillo da viúva de Naím: rapaz, eu mándocho, érguete19. Milagres como Cristo, milagres como os primeiros Apóstolos farémolos. Quizais en ti mesmo, en min se teñen operado estes prodixios: quizais eramos cegos, ou xordos, ou eivados, ou fediamos a morto, e a palabra do Señor ergueunos da nosa prostración. Se amamos a Cristo, se o seguimos sinxelamente, se non nos buscamos a nós mesmos senón só a El, no seu nome poderemos transmitir a outros, de balde, o que de balde se nos concedeu.

Notas
17

Act III, 6.

18

Act III, 6.

19

Lc VII, 14.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma