263

Prediquei constantemente esta posibilidade, sobrenatural e humana, que o Noso Pai Deus pon nas mans dos seus fillos: participar na Redención operada por Cristo. Éncheme de ledicia encontrar esta doutrina nos textos dos Padres da Igrexa. San Gregorio Magno precisa: «os cristiáns quitan as serpes, cando desarraigan o mal dos corazóns dos demais coa súa exhortación ao ben... A imposición das mans sobre os enfermos para curalos, dáse cando se observa que o próximo se debilita na práctica do ben e se lle ofrece axuda de mil maneiras, robustecéndoo en  virtude do exemplo. Estes milagres son tanto máis grandes en canto que suceden no eido espiritual, traendo a vida non aos corpos senón as almas. Tamén vós, se non vos abandonades, poderedes obrar estes prodixios, coa axuda de Deus»20.

Deus quere que todos se salven: isto é unha invitación e unha responsabilidade, que pesan sobre cada un de nós. A Igrexa non é un reduto para privilexiados. «Acaso a grande Igrexa é unha exigua parte da terra? A grande Igrexa é o mundo enteiro»21. Así escribía santo Agostiño, e engadía: «a calquera sitio que te dirixas, alí está Cristo. Tes por herdade os confíns da terra; vén, posuíla toda comigo»22. Lembrádesvos de como estaban as redes? Cargadas ata rebordar. Non cabían máis peixes. Deus espera ardentemente que se encha a súa casa23; é Pai, e gústalle vivir con todos os seus fillos arredor.

Notas
20

San Gregorio Magno, Homiliae in Evangelia, 29, 4 (PL 76, 1215-1216).

21

Santo Agostiño, Enarrationes in Psalmos, 21, 2, 26 (PL 36, 177).

22

Santo Agostiño, Enarrationes in Psalmos, 21, 2, 30 (PL 36, 180).

23

Cfr. Lc XIV, 23.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma