27
Preguntémonos de novo, na presenza de Deus: Señor, para que nos proporcionaches este poder?; por que depositaches en nós esa facultade de escollerte ou de rexeitarte? Ti desexas que empreguemos acertadamente esta capacidade nosa. Señor, que queres que faga?17. E a resposta diáfana, precisa: amarás ao Señor o teu Deus con todo o teu corazón, e con toda a túa alma e con toda a túa mente18.
Védelo? A liberdade adquire o seu auténtico sentido cando se exercita en servizo da verdade que rescata, cando se gasta en buscar o Amor infinito de Deus, que nos desata de todas as servidumes. Cada día aumentan as miñas ansias de anunciar a grandes voces esta insondable riqueza do cristián: a liberdade da gloria dos fillos de Deus! 19. Aí resúmese a «vontade boa», que nos aprende a perseguir «o ben despois de distinguilo do mal»20.
Gustaríame que meditásedes nun punto fundamental, que nos enfronta coa responsabilidade da nosa conciencia. Ninguén pode elixir por nós: «velaquí o grao supremo de dignidade nos homes: que por si mesmos, e non por outros, se dirixen cara ao ben»21. Moitos herdamos a fe católica dos nosos pais e, por graza de Deus desde que recibimos o Bautismo, apenas nacidos, comezou na alma a vida sobrenatural. Pero temos que renovar ao longo da nosa existencia —e aínda ao longo de cada xornada— a determinación de amar a Deus sobre todas as cousas. «É cristián, digo verdadeiro cristián, o que se somete ao imperio do único Verbo de Deus»22, sen sinalar condicións a ese acatamento, dispostos a resistir a tentación diabólica coa mesma actitude de Cristo: adorarás ao teu Deus e Señor e a El só servirás23.
Cfr. Act IX, 6.
Mt XXII, 37.
Rom VIII, 21.
San Máximo Confesor, Capita de charitate, 2, 32 (PG 90, 995).
San Tomé de Aquino, Super Epistolas S. Pauli lectura. Ad Romanos, cap. II, lect. III, 217 (ed. Marietti, Torino, 1953).
Oríxenes, Contra Celsum, 8, 36 (PG 11, 1571).
Mt IV, 10.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/27/ (14-12-2025)