274

Todas as festas da Nosa Señora son grandes, porque constitúen ocasións que a Igrexa nos brinda para demostrar con feitos o noso amor a Santa María. Mais se tivese que escoller unha, entre esas festividades, prefiro a de hoxe: a Maternidade divina da Santísima Virxe.

Esta celebración lévanos a considerar algúns dos misterios centrais da nosa fe: a meditar na Encarnación do Verbo, obra das tres Persoas da Trindade Santísima. María, Filla de Deus Pai, pola Encarnación do Señor nas súas entrañas inmaculadas é Esposa de Deus Espírito Santo e Nai de Deus Fillo.

Cando a Virxe respondeu que si, libremente, a aqueles designios que o Creador lle revelaba, o Verbo divino asumiu a natureza humana: a alma racional e o corpo formado no seo purísimo de María. A natureza divina e a humana uníanse nunha única Persoa: Xesucristo, verdadeiro Deus e, desde entón, verdadeiro Home; Unixénito eterno do Pai e, a partir daquel momento, como Home, fillo verdadeiro de María: por iso a Nosa Señora é Nai do Verbo encarnado, da segunda Persoa da Santísima Trindade que uniu a si para sempre —sen confusión— a natureza humana. Podemos dicirlle ben alto á Virxe Santa, como a mellor loanza, esas palabras que expresan a súa máis alta dignidade: Nai de Deus.

Este punto noutro idioma