276

A Maternidade divina de María é a raíz de todas as perfeccións e privilexios que a adornan. Por ese título, foi concibida inmaculada e está chea de graza, é sempre virxe, subiu en corpo e alma aos ceos, foi coroada como Raíña da creación enteira, por riba dos anxos e dos santos. Máis ca Ela, só Deus. «A Santísima Virxe, por ser Nai de Deus, posúe unha dignidade en certo modo infinita, do ben infinito que é Deus»3. Non hai perigo de esaxerar. Nunca profundaremos bastante neste misterio inefable; nunca poderemos agradecer suficientemente á  Nosa Nai esta familiaridade que nos deu coa Trindade Beatísima.

Eramos pecadores e inimigos de Deus. A Redención non só nos libera do pecado e nos reconcilia co Señor: convértenos en fillos, entréganos unha Nai, a mesma que xerou ao Verbo, segundo a Humanidade. É posible máis dispendio, máis exceso de amor? Deus ansiaba redimirnos, dispuña de moitos modos para executar a súa Vontade Santísima, segundo a súa infinita sabedoría. Escolleu un, que esvaece todas as posibles dúbidas sobre a nosa salvación e glorificación. «Como o primeiro Adan non naceu de home e de muller, senón que foi plasmado na terra, deste xeito tamén o último Adán, que había de curar a ferida do primeiro, tomou un corpo plasmado no seo da Virxe, para ser, en canto á carne, igual á carne dos que pecaron»4.

Notas
3

San Tomé de Aquino, Summa Theologiae, I, q. 25, a. 6.

4

San Basilio, Commentarius in Isaiam, 7, 201 (PG 30, 466).

Este punto noutro idioma