278
O evanxeo da Santa Misa lembrounos aquela escena conmovedora de Xesús, que queda en Xerusalén ensinando no templo. María e Xosé andaron a xornada enteira, preguntando aos parentes e coñecidos. Pero, como non o daban atopado, volveron a Xerusalén na súa procura9. A Nai de Deus, que buscou afanosamente ao seu Fillo, perdido sen culpa súa, que experimentou a maior ledicia ao atopalo, axudaranos a desandar o andado, a rectificar o que sexa preciso cando polas nosas lixeirezas ou pecados non acertamos a distinguir a Cristo. Acadaremos dese xeito a ledicia de abrazarnos de novo a El, para dicirlle que non o perderemos máis.
Nai da ciencia é María, porque con Ela se aprende a lección que máis importa: que nada paga a pena, se non estamos xunta ao Señor; que de nada serven todas as marabillas da terra, todas as ambicións colmadas, se no noso peito non arde a chama do amor vivo, a luz da santa esperanza que é un anticipo do amor interminable na nosa definitiva Patria.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/278/ (14-12-2025)