28
Liberdade e entrega
O amor de Deus é celoso; non se queda satisfeito cando se acode á súa cita con condicións: espera con degoiro que nos deamos de todo, que non gardemos recunchos escuros no corazón, aos que non poida chegar o gozo e a ledicia da graza e dos dons sobrenaturais. Quizais pensaredes: responder que si a ese Amor exclusivo, non é se acaso perder a liberdade?
Coa axuda do Señor que preside este momento de oración, coa súa luz, espero que para vós e para min quede aínda máis definido este tema. Cada un de nós experimentou algunha vez que servir a Cristo Noso Señor comporta dor e fatiga. Negar esta realidade, suporía non se ter atopado con Deus. A alma namorada coñece que, cando vén esa dor, se trata dunha impresión pasaxeira e pronto descubre que o peso é lixeiro e a carga suave, porque o leva El sobre os seus ombreiros, como se abrazou ao madeiro cando estaba en xogo a nosa felicidade eterna24. Pero hai homes que non entenden, que se rebelan contra o Creador —unha rebelión impotente, mesquiña, triste—, que repiten cegamente a queixa inútil que recolle o Salmo: rompamos as súasataduras e sacudamos lonxe de nós o seu dominio25. Resístense a cumprir con heroico silencio, con naturalidade, sen lucimento e sen lamentos, a tarefa dura de cada día. Non comprenden que a Vontade divina, tamén cando se presenta con matices de dor, de esixencia que fire, coincide exactamente coa liberdade, que só reside en Deus e nos seus designios.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/28/ (14-12-2025)