281

Nai da Igrexa

Gústame volver coa imaxinación a aqueles anos en que Xesús permaneceu a carón da súa Nai, que abarcan toda a vida do Noso Señor neste mundo. Védeo pequeno, cando María o coida, o bica, o entretén. Védeo medrar, ante os ollos namorados da súa Nai e de Xosé, o seu pai na terra. Con canta tenrura e con canta delicadeza María e o Santo Patriarca se preocuparían de Xesús durante a súa infancia e, en silencio, aprenderían moito e constantemente del. As súas almas iríanse afacendo a alma daquel Fillo, Home e Deus. Por iso a Nai —e, despois dela, Xosé— coñece como ninguén os sentimentos do Corazón de Cristo, e os dous son o camiño mellor, afirmaría que o único, para chegar ao Salvador.

«Que en cada un de vós, escribía santo Ambrosio, estea a alma de María, para louvar ao Señor; que en cada un estea o espírito de María, para gozarse en Deus». E este Padre da Igrexa engade unhas consideracións que a primeira vista resultan atrevidas, pero que teñen un sentido espiritual claro para a vida do cristián. «Segundo a carne, unha soa é a Nai de Cristo; segundo a fe, Cristo é froito de todos nós»12.

Se nos identificamos con María, se imitamos as súas virtudes, poderemos lograr que Cristo naza, pola graza, na alma de moitos que se identificarán con El pola acción do Espírito Santo. Se imitamos a María, dalgún xeito participaremos na súa maternidade espiritual. En silencio, como a Nosa Señora; sen que se note, case sen palabras, co testemuño íntegro e coherente dunha conduta cristiá, coa xenerosidade de repetir sen cesar un fiat que se renova como algo íntimo entre nós e Deus.

Notas
12

Santo Ambrosio, Expositio Evangelii secundum Lucam, 2, 26 (PL 15, 1561).

Este punto noutro idioma