282

O seu moito amor a Nosa Señora e a súa falta de cultura teolóxica, levou, a un bo cristián, a facerme coñecer certa anécdota que vos vou narrar, porque —con toda a súa inxenuidade— é lóxica en persoa de poucas letras.

Tómeo —dicíame— como un desafogo: comprenda a miña tristeza ante algunhas cousas que suceden nestes tempos. Durante a preparación e o desenvolvemento do actual Concilio, propúxose incluír o tema da Virxe. Así: o tema. Falan dese xeito os fillos? É esa a fe que profesaron sempre os fieis? Desde cando o amor á Virxe é un tema, sobre o que se admita emprender unha disputa a propósito da súa conveniencia?

Se algo é incompatible co amor, é a cativeza. Non me importa ser moi claro; se non o fose —continuaba— pareceríame unha ofensa á Nosa Nai Santa. Discutiuse se era ou non opor-tuno chamar a María Nai da Igrexa. Moléstame descender a máis detalles. Pero a Nai de Deus e, por iso, Nai de todos os cristiáns, non será Nai da Igrexa, que é a reunión de todos os  que foron bautizados e renaceron en Cristo, fillo de María?

Non me explico —seguía— de onde nace a cativeza de escatimar este título en loanza da Nosa Señora. Que diferente é a fe da Igrexa! O tema da Virxe. Pretenden os fillos formular o tema do amor á súa nai? Quérena e xa está. Quérena moito, se son bos fillos. Do tema —ou do esquema— falan os estraños, os que estudan o caso coa frialdade do enunciado dun problema. Ata aquí o desafogo recto e piadoso, pero inxusto, daquela alma simple e moi devota.

Este punto noutro idioma