29
Son almas que fan barricadas coa liberdade. A miña liberdade, a miña liberdade! Téñena, e non a seguen; mírana, póñena como un ídolo de barro dentro do seu entendemento mesquiño. É iso liberdade? Que aproveitan desa riqueza sen un compromiso serio, que oriente toda a existencia? Un comportamento así oponse á categoría propia, á nobreza, da persoa humana. Falta a rota, o camiño claro que informe os pasos sobre a terra: esas almas —terédelas atopado, coma min— deixa-ranse arrastrar logo pola vaidade pueril, pola fachenda egoísta, pola sensualidade.
A súa liberdade demóstrase estéril, ou produce froitos ridículos, tamén humanamente. O que non escolle —con plena liberdade!— unha norma recta de conduta, tarde ou cedo verase manexado por outros, vivirá na indolencia —como un parasito— suxeito ao que determinen os demais. Prestarase a ser abaneado por calquera vento, e outros resolverán sempre por el. Estes son nubes sen auga, levadas de aquí para alá polos ventos, árbores outonais, sen froitos, dúas veces mortas, senraigañas26, a pesar de que se encubran nunha continua parolada, en paliativos cos que intentan esvaecer a ausencia de carácter, de valentía e de honradez.
Pero ninguén me coacciona!, repiten obstinadamente. Ninguén? Todos coaccionan esa ilusoria liberdade, que non se arrisca a aceptar responsablemente as consecuencias de actuacións libres, persoais. Onde non hai amor de Deus, prodúcese un baleiro de individual e responsable exercicio da propia liberdade. Alí —malia as aparencias— todo é coacción. O indeciso, o irresoluto, é como unha materia plástica ao abeiro das circunstancias; calquera o moldea ao seu antollo e, antes que nada, as paixóns e as peores tendencias da natureza ferida polo pecado.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/29/ (14-12-2025)