292

Quizais agora algún de vós poida pensar que a xornada ordinaria, o habitual ir e vir da nosa vida, non se presta moito a manter o corazón nunha criatura tan pura como a Nosa Señora. Eu invitaríavos a reflexionar un pouco. Que buscamos sempre, aínda sen especial atención, en todo o que facemos? Cando nos move o amor de Deus e traballamos con rectitude de intención, buscamos o bo, o limpo, o que trae paz á conciencia e felicidade á alma. Que non nos faltan as equivocacións? Abofé que si; pero precisamente, recoñecer eses erros, é descubrir con maior claridade que a meta é esa: unha felicidade non pasaxeira, senón fonda, serena, humana e sobrenatural.

Existe unha criatura que logrou nesta terra esa felicidade, porque é a obra mestra de Deus: a Nosa Nai Santísima, María. Ela vive e protéxenos; está xunta o Pai, e o Fillo e o Espírito Santo, en corpo e alma. É a mesma que naceu en Palestina, que se entregou ao Señor desde nena, que recibiu o anuncio do Arcanxo Gabriel, que deu a luz ao Noso Salvador, que estivo onda El ao pé da Cruz.

Nela adquiren realidade todos os ideais; mais non debemos concluír que a seu valor sublime e grandeza nola presentan inaccesible e distante. É a chea de graza, a suma de todas as perfeccións: e é Nai. Co seu poder diante de Deus acadaranos o que lle pedimos; como Nai quere concedérnolo. E tamén como Nai entende e comprende as nosas fraquezas, alenta, escusa, facilita o camiño, ten sempre preparado o remedio, malia que pareza que nada é posible.

Este punto noutro idioma