294
Quedámonos removidos, cunha forte sacudida no corazón, ao escoitar atentamente aquel grito de san Paulo: esta é a vontade de Deus, a vosa santificación1. Hoxe, unha vez máis mo propoño a min mesmo, e lémbrovolo tamén a vós e á humanidade enteira: esta é a Vontade de Deus, que sexamos santos.
Para pacificar as almas con auténtica paz, para transformar a terra, para buscar no mundo e a través das cousas do mundo a Deus Noso Señor, resulta indispensable a santidade persoal. Nas miñas charlas con xentes de tantos países e dos ambientes sociais máis diversos, con frecuencia pregúntanme: E que nos di aos casados? Que, aos que traballamos no campo? Que, ás viúvas? Que, aos mozos?
Respondo sistematicamente que teño un só pucheiro. E adoito puntualizar que Xesucristo Señor Noso predicou a boa nova para todos, sen distinción ningunha. Un pucheiro e un só alimento: a miña comida é facer a vontade do que me enviou, e dar cumprimento á súa obra2. A cada un chámao á santidade, a cada un pídelle amor: novos e anciáns, solteiros e casados, sans e enfermos, cultos e ignorantes, traballen onde traballen, estean onde estean. Hai un só xeito de medrar na familiaridade e na confianza con Deus: tratalo na oración, falar con El, manifestarlle —de corazón a corazón— o noso afecto.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/294/ (14-12-2025)