299
A Humanidade Santísima de Cristo
Como poderemos superar estes inconvenientes? Como nos lograremos fortalecer naquela decisión que nos comeza a parecer moi pesada? Inspirándonos no modelo que nos mostra a Virxe Santísima, a nosa Nai: unha rota moi ampla, que necesariamente pasa a través de Xesús.
Para achegármonos a Deus temos que emprender o camiño xusto, que é a Humanidade Santísima de Cristo. Por iso, aconsello sempre a lectura de libros que narran a Paixón do Señor. Eses escritos, cheos de sincera piedade, tráennos á mente ao Fillo de Deus. Home coma nós e Deus verdadeiro, que ama e que sofre na súa carne pola Redención do mundo.
Fixádevos nunha das devocións máis arraigadas entre os cristiáns, no rezo do Santo Rosario. A Igrexa anímanos á contemplación dos misterios: para que se grave na nosa cabeza e na nosa imaxinación, co gozo, a dor e a gloria de Santa María, o exemplo abraiante do Señor, nos seus trinta anos de escuridade, nos seus tres anos de predicación, na súa Paixón afrontosa e na súa gloriosa Resurrección.
Seguir a Cristo: este é segredo. Acompañalo tan de preto, que vivamos con El, como aqueles primeiros doce; tan de preto, que nos identifiquemos con El. Non tardaremos en afirmar, cando non teñamos posto atrancos á graza, que nos revestimos do Noso Señor Xesucristo12. Reflíctese o Señor na nosa conduta coma nun espello. Se o espello é como debe ser, recollerá a face amabilísima do Salvador sen a desfigurar, sen caricaturas: e os demais terán a posibilidade de admiralo, de seguilo.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/299/ (14-12-2025)