3

Non se vai da miña memoria unha ocasión —transcorreu xa moito tempo— na que fun rezar á catedral de Valencia, e pasei por diante do sartego do Venerable Ridaura. Contáronme entón que este sacerdote, cando xa era moi vello e lle preguntaban: cantos anos ten vostede?, el, moi convencido, respondía en valenciano poquets, pouquiños!, os que levo servindo a Deus. Para moitos de vós aínda se contan cos dedos dunha man os anos, desde que vos decidistes a tratar o Noso Señor, e servilo no medio do mundo, no voso propio ambiente e a través da vosa profesión ou oficio. Non importa excesivamente este detalle; si interesa, pola contra, que gravemos a fogo na alma a certeza de que a invitación á santidade, dirixida por Xesucristo a todos os homes sen excepción, require de cada quen que cultive a vida interior, que se exercite acotío nas virtudes cristiás; e non de calquera xeito, nin por riba do común, nin sequera dun modo excelente: temos que nos esforzar ata o heroísmo, no senso máis forte e tallante da expresión.

Este punto noutro idioma