301
Mais non esquezades que estar con Xesús é, seguramente, atoparse coa súa Cruz. Cando nos abandonamos nas mans de Deus, é frecuente que El permita que saboreemos a dor, a soidade, as contradicións, as calumnias, as difamacións, as burlas, por dentro e por fóra: porque nos quere conformar á súa imaxe e semellanza, e tolera tamén que nos chamen tolos e que nos tomen por necios.
É a hora de amar a mortificación pasiva, que vén —agochada ou descarada e insolente— cando non a esperamos. Chegan a ferir as ovellas, coas pedras que se deberan tirar contra os lobos: o seguidor de Cristo experimenta na súa carne que, os que o deberan amar, compórtanse con el dun xeito que vai da desconfianza á hostilidade, da sospeita ao odio. Mírano con receo, coma a mentireiro, porque non cren que poida haber relación persoal con Deus, vida interior; en cambio, co ateo e co indiferente, díscolos e desvergoñados de ordinario, énchense de amabilidade e de comprensión.
E quizais o Señor permite que o discípulo se vexa atacado coa arma, que nunca é honrosa para o que a empuña, das inxurias persoais; co uso de lugares comúns, froito tendencioso e delituoso dunha propaganda masiva e mentirán: porque, estar dotados de bo gusto e de mesura, non é cousa de todos.
Os que sosteñen unha teoloxía incerta e unha moral relaxada, sen freos; os que practican segundo o seu capricho persoal unha liturxia dubidosa, cunha disciplina de hippies e un goberno irresponsable, non é estraño que propaguen contra os que só falan de Xesucristo, celotipias, sospeitas, falsas denuncias, ofensas, aldraxes, humillacións, ruxerruxes e vexacións de todo xénero.
Así esculpe Xesús as almas dos seus, sen lles deixar de dar interiormente serenidade e gozo, porque entenden moi ben que —con cen mentiras xuntas— os demos non son capaces de facer unha verdade: e grava nas súas vidas o convencemento de que só se atoparán cómodos, cando se decidan a non o ser.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/301/ (14-12-2025)