303

Non pensemos que, nesta senda da contemplación, as paixóns teranse calado definitivamente. Enganariámonos, se supuxésemos que a ansia de buscar a Cristo, a realidade do seu encontro e do seu trato, e a dozura do seu amor transfórmannos en persoas impecables. Aínda que non vos falte experiencia, deixádeme, non obstante, que volo recorde. O inimigo de Deus e do home, Satanás, non se dá por vencido, non descansa. E asédianos, incluso cando a alma arde prendida no amor a Deus. Sabe que daquela a caída é máis difícil, pero que —se consegue que a criatura ofenda ao seu Señor, malia que sexa en pouco— poderá lanzar sobre aquela conciencia a grave tentación da desesperanza.

Se queredes aprender da experiencia dun pobre sacerdote que non pretende falar máis que de Deus, aconsellareivos que cando a carne intente recobrar os foros perdidos ou a soberbia —que é peor— se rebele e se encabuxe, vos precipitedes a buscar acougo nesas divinas fendeduras que, no Corpo de Cristo, abriron os cravos que o suxeitaron á Cruz, e a lanza que atravesou o seu peito. Ide como máis vos conmova: descargade nas Chagas do Señor todo ese amor humano... e ese amor divino. Que isto é apetecer a unión, sentirse irmán de Cristo, consanguíneo seu, fillo da mesma Nai, porque é Ela a que nos levou ata Xesús.

Este punto noutro idioma