309

Así actúa o Noso Deus. Cando aquel fillo regresa despois de gastar os seus cartos vivindo mal, despois –sobre todo– de esquecerse do seu pai, o pai di: axiña, traede aquí o vestido máis precioso, e poñédello, colocádelle un anel no dedo; calzádelle as sandalias e tomade un tenreiro cebado, matádeo e comamos e celebremos un banquete33. O Noso Pai Deus, cando acudimos a El con arrepentimento, saca, da nosa miseria, riqueza; da nosa debilidade, fortaleza. Que nos preparará, se non o abandonamos, se o frecuentamos cada día, se lle diriximos palabras de agarimo confirmado coas nosas accións, se lle pedimos todo, confiados na súa omnipotencia e na súa misericordia? Só por volver a El o seu fillo, despois de traizoalo, prepara unha festa: que nos outorgará, se sempre procuramos quedarnos ao seu carón?

Lonxe da nosa conduta, polo tanto, a lembranza das ofensas que nos teñan feito, das humillacións que teñamos padecido —por inxustas, incivís e groseiras que foran—, porque é impropio dun fillo de Deus ter preparado un rexistro, para presentar unha lista de agravios. Non podemos esquecer o exemplo de Cristo, e a nosa fe cristiá non se muda como un vestido: pode debilitarse ou robustecerse ou perderse. Con esta vida sobrenatural, a fe vigorízase, e a alma arrepíase ao considerar a miserable nudez humana, sen o divino. E perdoa, e agradece: meu Deus, se contemplo a miña pobre vida, non atopo motivo ningún de vaidade e, aínda menos, de soberbia: só atopo razóns dabondo para vivir sempre humilde e compunxido. Abofé que sei que o mellor señorío é servir.

Notas
33

Lc XV, 22-23.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma