312

Vida corrente

Interésame confirmar de novo que non me refiro a un xeito extraordinario de vivir cristiamente. Cada un de nós medite no que Deus realizou por el, e en como correspondeu. Se somos valentes neste exame persoal, percibiremos o que aínda nos falta. Onte conmovíame, escoitando dun catecúmeno xaponés que ensinaba o catecismo a outros, que aínda non coñecían a Cristo. E avergoñábame. Necesitamos máis fe, máis fe!: e, coa fe, a contemplación.

Repasade devagar aquela divina advertencia, que enche a alma de inquedanza e, ao tempo, tráelle sabores de panal e de mel : redimi te, et vocavi te nomine tuo: meus es tu40; rediminte e chameite polo teu nome: es meu! Non lle roubemos a Deus o que é seu. Un Deus que nos amou ata o punto de morrer por nós, que nos escolleu desde toda a eternidade, antes da creación do mundo, para que sexamos santos na súa presenza41: e que continuamente nos brinda ocasións de purificación e de entrega.

Por se aínda tivésemos algunha dúbida, recibimos outra proba dos seus beizos: non me elixistes vós, senón que vos elixín eu, para que vaiades lonxe, e deades froito; e permaneza abundante ese froito do voso traballo de almas contemplativas42.

Daquela, fe, fe sobrenatural. Cando a fe afrouxa, o home tende a figurarse a Deus como se estivese lonxe, sen que apenas se preocupe dos seus fillos. Pensa na relixión como en algo xustaposto, para cando non queda outro remedio; espera, non se explica con que fundamento, manifestacións aparatosas, sucesos insólitos. Cando a fe vibra na alma, descóbrese, en cambio, que os pasos do cristián non se separan da mesma vida humana corrente e habitual. E que esta santidade grande, que Deus nos reclama, agóchase aquí e agora, nas cousas pequenas de cada xornada.

Notas
40

Is XLIII, 1.

41

Cfr. Eph I, 4.

42

Cfr. Ioh XV, 16.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma