313

Gústame falar de camiño, porque somos viandantes, dirixímonos á casa do Ceo, á nosa Patria. Mais mirade que un camiño, aínda que poida presentar treitos de especiais dificultades, aínda que algunha vez nos faga vadear un río ou cruzar unha pequena fraga case impenetrable, habitualmente é algo corrente, sen sorpresas. O perigo é a rutina: imaxinar que nisto, no de cada instante, non está Deus, porque é tan sinxelo, tan de acotío!

Ían aqueles dous discípulos cara a Emaús. O seu paso era normal, como o de tantos outros que transitaban por aquela paraxe. E alí, con naturalidade, aparéceselles Xesús, e anda con eles, cunha conversa que diminúe a fatiga. Imaxínome a escena, alá polo serán. Sopra unha brisa lene. Arredor, campos sementados de trigo xa medrado, e as oliveiras vellas, coas pólas prateadas pola luz morna.

Xesús, no camiño. Señor, que grande es sempre! Pero conmóvesme cando te abaixas a seguirnos, a buscarnos, no noso trafego diario. Señor, concédenos a inxenuidade de espírito, a mirada limpa, a cabeza clara, que permiten entenderte cando vés sen ningún signo exterior da túa gloria.

Este punto noutro idioma