34

Responder que non a Deus, rexeitar ese principio de felicidade nova e definitiva, quedou nas mans da criatura. Mais se obra dese xeito, deixa de ser fillo para converterse en escravo. «Cada cousa é aquilo que segundo a súa natureza lle cómpre; por iso, cando se move na procura de algo estraño, non actúa segundo a súa propia maneira de ser, senón por impulso alleo; e isto é servil. O home é racional por natureza. Cando se comporta segundo a razón, procede polo seu propio movemento, como quen é: e isto é propio da liberdade. Cando peca, obra fóra da razón, e entón deixase conducir polo impulso doutro, suxeito en confíns alleos, e por iso o que acepta o pecado é servo do pecado (Ioh VIII, 34)»36.

Permitídeme que insista nisto; é moi claro e podémolo comprobar con frecuencia ao noso redor ou en nós mesmos: ningún home escapa a algún tipo de servidume. Uns axeónllanse ante os cartos, outros adoran o poder; outros, a relativa tranquilidade do escepticismo; outros descobren na súa sensualidade o seu becerro de ouro. E o mesmo ocorre coas cousas nobres. Afanámonos nun traballo, nunha empresa de proporcións máis ou menos grandes, no cumprimento dun labor científico, artístico, literario, espiritual. Cando se pon empeño, cando existe verdadeira paixón, o que se entrega vive escravo, dedícase gustosamente ao servizo da finalidade da súa tarefa.

Notas
36

San Tomé de Aquino, Super Evangelium S. Ioannis lectura, cap. VIII, lect. IV, 1204.

Este punto noutro idioma