37
Na parábola dos convidados á cea, o pai de familia, despois de saber que algúns dos que debían acudir á festa escusáranse con razoadas senrazóns, ordena ao criado: sae aos camiños e chousas e empuxa —compelle intrare— aos que atopes a que veñan43. Non é isto coacción? Non é usar violencia contra a lexítima liberdade de cada conciencia?
Se meditamos o Evanxeo e ponderamos as ensinanzas de Xesús, non confundiremos esas ordes coa coacción. Vede de que xeito Cristo insinúa sempre: se queres ser perfecto..., se alguén quere vir tras de min... Ese compelle intrare non entraña violencia física nin moral: reflicte o ímpeto do espírito cristián, que amosa no seu proceder a forza de Deus: «mirade como atrae o Pai: deleita ensinando, non impoñendo a necesidade. Así atrae cara El»44.
Cando se respira ese ambiente de liberdade, enténdese claramente que o obrar mal non é unha liberación, senón unha escravitude. «O que peca contra Deus conserva o libre albedrío en canto a liberdade de coacción, pero perdeuno en canto a liberdade de culpa»45. Manifesta quizais que se comportou conforme ás súas preferencias, pero non logrará pronunciar a voz da verdadeira liberdade: porque se fixo escravo daquilo polo que se decidiu, e decidiuse polo peor, pola ausencia de Deus, e alí non hai liberdade.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/37/ (14-12-2025)