38
Repítovolo: non acepto outra escravitude que a do Amor de Deus. E isto porque, como xa vos comentei noutros momentos, a relixión é a maior rebeldía do home que non tolera vivir como unha besta, que non se conforma —non acouga— se non trata e coñece ao Creador. Quérovos rebeldes, libres de toda atadura, porque vos quero —quérenos Cristo!— fillos de Deus. Escravitude ou filiación divina: velaquí o dilema da nosa vida. Ou fillos de Deus ou escravos da soberbia, da sensualidade, dese egoísmo angustioso no que tantas almas parecen debaterse.
O Amor de Deus marca o camiño da verdade, da xustiza, do ben. Cando nos decidimos a contestar ao Señor: a miña liberdade para ti, atopámonos liberados de todas as cadeas que nos ataran a cousas sen importancia, a preocupacións ridículas, a ambicións mesquiñas. A liberdade —tesouro incalculable, perla marabillosa que sería triste botar ás bestas46— emprégase enteira en aprender a facer o ben47.
Esta é a liberdade gloriosa dos fillos de Deus. Os cristiáns medorentos —apoucados e envexosos— na súa conduta, ante a libertinaxe dos que non acolleron a Palabra de Deus, demostrarían ter un concepto miserable da nosa fe. Se cumprimos de verdade a Lei de Cristo —se nos esforzamos por cumprila, porque non sempre o conseguiremos— descubrirémonos dotados desa marabillosa gallardía de espírito, que non necesita ir buscar en ningures o sentido da máis plena dignidade humana.
A nosa fe non é unha carga, nin unha limitación. Que pobre idea da verdade cristiá manifestaría quen razoase dese xeito! Ao decidírmonos por Deus non perdemos nada, gañámolo todo: quen a costa da súa alma conserva a súa vida, perderaa; e quen perdera a súa vida polo meu amor, volveraa atopar48.
Sacamos a carta que gaña, o primeiro premio. Cando algo nos impida ver isto con claridade, examinemos o interior da nosa alma: quizais exista pouca fe, pouco trato persoal con Deus, pouca vida de oración. Temos que pregar ao Señor —a través da súa Nai e nosa Nai— que nos aumente o seu amor; que nos conceda probar a dozura da súa presenza; porque só cando se ama se chega á liberdade máis plena; a de non querer abandonar nunca, por toda a eternidade, o obxecto dos nosos amores.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/38/ (14-12-2025)