39

Cando me dirixo a vós, cando conversamos todos xuntos con Deus Noso Señor, sigo en alta voz a miña oración persoal: gústame recordalo moi a miúdo. E vós teredes tamén que vos esforzar en alimentar a vosa oración dentro das vosas almas, aínda cando por calquera circunstancia, como a de hoxe por exemplo, nos vexamos precisados a tratar dun tema que non parece, a primeira vista, moi a propósito para un diálogo de amor, que iso é o noso coloquio co Señor. Digo a primeira vista porque todo o que nos ocorre, todo o que sucede ao noso carón pode e debe ser tema da nosa meditación.

Teño que vos falar do tempo, dese tempo que se marcha. Non vou repetir a coñecida afirmación de que un ano máis é un ano menos... Tampouco vos suxiro que preguntedes por aí que pensan do transcorrer dos días, xa que probablemente — se o fixésedes— escoitariades algunhas respostas deste estilo: xuventude, divino tesouro, que te vas para non volver... Aínda que non exclúo que oiades outra consideración con máis sentido sobrenatural.

Tampouco quero determe no punto concreto da brevidade da vida, con acenos de nostalxia. Aos cristiáns, a fugacidade do camiñar terreo debería incitarnos a aproveitar mellor o tempo, de ningún xeito a temer ao Noso Señor, e moito menos a mirar a morte como un final desastroso. Un ano que remata —díxo-se de mil modos, máis ou menos poéticos—, coa graza e a misericordia de Deus, é un paso máis que nos achega ao Ceo, nosa definitiva Patria.

Ao pensar na realidade, entendo moi ben aquela exclamación que san Paulo escribe aos de Corinto: tempus breve est!1, que breve é a duración do noso paso pola terra! Estas palabras, para un cristián coherente, soan no máis íntimo do seu corazón como un reproche ante a falta de xenerosidade, e como unha invitación constante para ser leal. Verdadeiramente é curto o noso tempo para amar, para dar, para desagraviar. Non é xusto, polo tanto, que o malgastemos nin que tiremos ese tesouro irresponsablemente pola ventá: non podemos desbaratar esta etapa do mundo que Deus confía a cada un.

Notas
1

1 Cor VII, 29.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma