49
O Señor regalounos a vida, os sentidos, as potencias, grazas sen taxa: e non temos dereito a esquecer que somos un obreiro, entre tantos, nesta facenda, na que El nos colocou, para colaborar na tarefa de levar o alimento aos demais. Este é o noso sitio: dentro destes lindeiros; aquí temos que gastarnos diariamente con El, axudándoo no seu labor redentor23.
Déixame que insista: o teu tempo para ti? O teu tempo para Deus! Pode ser que, pola misericordia do Señor, ese egoísmo non entrara de momento na túa alma. Fáloche, por se algunha vez sentes que o teu corazón vacila na fe de Cristo. Daquela pídoche —pídecho Deus— fidelidade no teu empeño, dominar a soberbia, suxeitar a imaxinación, non te permitir a lixeireza de marchar lonxe, non desertar.
Sobráballes toda a xornada, a aqueles xornaleiros que estaban no medio da praza; quería matar as horas, o que agochou o talento no chan; vaise a outra parte, o que se debía ocupar da viña. Todos coinciden nunha insensibilidade, ante a grande tarefa que a cada un dos cristiáns lle foi encomendada polo Mestre: a de considerarnos e a de portarnos como instrumentos seus, para corredimir con El; a de consumir a nosa vida enteira, nese sacrificio gozoso de entregármonos polo ben das almas.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/49/ (14-12-2025)