55

Comezar é de moitos; rematar, de poucos, e entre eses poucos temos que estar os que nos procuramos comportar como fillos de Deus. Non o esquezades: só as tarefas terminadas con amor, ben acabadas, merecen aquel aplauso do Señor, que se le na Sagrada Escritura: mellor é a fin da obra que o seu prin-cipio1.

Quizais me oístes xa noutras charlas esta anécdota; de todos os xeitos, interésame recordárvola de novo porque é moi gráfica, instrutiva. Nunha ocasión, buscaba eu no ritual romano a fórmula para bendicir a última pedra dun edificio, a importan-te, xa que recolle, como un símbolo, o traballo duro, esforzado e perseverante de moitas persoas, perante longos anos. Levei unha sorpresa cando vin que non existía; era necesario conformarse cunha bendictio ad omnia, cunha bendición xenérica. Confésovos que me parecía imposible que se dese esa lagoa, e fun repasando de vagar, pero inutilmente, o índice do ritual.

Moitos cristiáns perderon o convencemento de que a integridade da Vida, reclamada polo Señor aos seus fillos, esixe un auténtico coidado en realizar as súas propias tarefas; que teñen que santificar, descendendo ata os pormenores máis miúdos.

Non podemos ofrecerlle ao Señor algo que, dentro das pobres limitacións humanas, non sexa perfecto, sen tacha, efectuado atentamente tamén nos máis mínimos detalles: Deus non acepta as trapalladas. Non presentaredes nada defectuoso, amoéstanos a Escritura Santa, pois non sería digno del 2. Por iso, o traballo de cada un, ese labor que ocupa as nosas xornadas e as nosas enerxías, ha ser unha ofrenda digna para o Creador, operatio Dei, traballo de Deus e para Deus: nunha palabra un quefacer cumprido, impecable.

Notas
1

Eccli VII, 9.

2

Lev XXII, 20.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma