57

O traballo, participación do poder divino

Desde o comezo da súa creación, o home —non o invento eu— tivo que traballar. Abonda abrir a Sagrada Biblia polas primeiras páxinas, e alí se le que —antes que entrara o pecado na humanidade e, como consecuencia desa ofensa, a morte e as penalidades e miserias5— Deus formou a Adán con barro da terra, e creou para el e a súa descendencia este mundo tan fermoso, ut operaretur et custodiret illum6, co fin de que o traballase e o custodiase.

Temos que nos convencer, polo tanto, de que o traballo é unha estupenda realidade, que se nos impón como unha lei inexorable á que todos, dun ou doutro xeito, estamos sometidos, aínda que algúns pretendan eximirse. Aprendédeo ben: esta obriga non xurdiu como unha secuela do pecado orixinal, nin se reduce a un achado dos tempos modernos. Trátase dun medio necesario que Deus nos confía aquí na terra, dilatando os nosos días e facéndonos participes do seu poder creador, para que nos gañemos o sustento e simultaneamente recollamos froitos para a vida eterna7:o home nace para traballar, como as aves para voar8.

Dirédesme que pasaron moitos séculos e que moi poucos pensan deste xeito; que a maioría, se acaso, afánase por motivos ben diversos: uns, polos cartos; outros, por manter unha familia, outros, por conseguir unha certa posición social, por desenvolver as súas capacidades, por satisfacer as súas desordenadas paixóns, por contribuír ao progreso social. E, en xeral, enfróntanse coas súas ocupacións como cunha necesidade da que non se poden evadir.

Fronte a esta visión chata, egoísta, rastreira, ti e mais eu temos que lembrarnos e lembrarlles aos demais que somos fillos de Deus, aos que, como a aqueles personaxes da parábola evanxélica, noso Pai dirixiunos idéntica invitación: fillo, vai traballar amiña viña9. Asegúrovos que, se nos empeñamos acotío en considerar así as nosas obrigas persoais, coma un requirimento divino, aprenderemos a rematar a tarefa coa maior perfección humana e sobrenatural de que sexamos capaces. Poida que nalgunha ocasión nos rebelemos —coma o fillo ma ior que respondeu: non quero10—, pero saberemos reaccionar, arrepentidos, e dedicarémonos con maior esforzo ao cumprimento do deber.

Notas
5

Cfr. Rom V, 12.

6

Gen II, 15.

7

Ioh IV, 36.

8

Job V, 7.

9

Mt XXI, 28.

10

Mt XXI, 29.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma