58
«Se a soa presenza dunha persoa de categoría, digna de consideración, abonda para que se comporten mellor os que están diante, como é que na presenza de Deus, constante, difundida por todos os recunchos, coñecida polas nosas potencias e amada gratamente, non nos fai sempre mellores en todas as nosas palabras, actividades e sentimentos?»11. Verdadeiramente, se esta realidade de que Deus nos ve estivese ben gravada nas nosas conciencias, e nos désemos conta de que todo o noso labor, absolutamente todo —non hai nada que escape á súa mirada— se desenvolve na súa presenza, con que coidado terminariamos as cousas ou que distintas serían as nosas reaccións! E este é o segredo da santidade que veño predicando desde hai tantos anos: Deus chamounos a todos para que o imitemos; e a vós e a min para que, vivindo no medio do mundo —sendo persoas da rúa!—, saibamos colocar a Cristo Noso Señor no cume de todas as actividade humanas honestas.
Agora comprenderedes aínda mellor que se alguén de vós non amase o traballo, o que lle corresponde!, se non se sentise autenticamente comprometido nunha das nobres ocupacións terreas para santificala, se carecese dunha vocación profesional, non chegaría xamais a calar no cerne sobrenatural da doutrina que expón este sacerdote, precisamente porque lle faltaría unha condición indispensable: a de ser un traballador.
Clemente de Alexandría, Stromata, 7, 7, (PG 9, 450-451).
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/58/ (14-12-2025)