60
Perdoádeme esta digresión e, aínda que non nos apartamos do tema, volvamos ao fío condutor. Convencédevos de que a vocación profesional é parte esencial, inseparable, da nosa condición de cristiáns. O Señor quérevos santos no lugar onde estades, no oficio que elixistes polos motivos que sexan: a min, todos me parecen bos e nobres —mentres non se opoñan á lei divina—, e capaces de ser elevados ao plano sobrenatural, é dicir, inxectados nesa corrente de Amor que define a vida dun fillo de Deus.
Non podo evitar certo desacougo cando alguén, ao falar do seu traballo, pon cara de vítima, afirma que lle ocupa non sei cantas horas ao día e en realidade, non desenvolve nin a metade do labor de moitos dos seus compañeiros de profesión que, á fin e ao cabo, quizais só se moven por criterios egoístas ou, polo menos, soamente humanos. Todos os que estamos aquí, mantendo un diálogo persoal con Xesús, desempeñamos unha ocupación ben precisa: médico, avogado, economista... Pensade un pouco nos vosos colegas que destacan polo seu prestixio profesional, pola súa honradez, polo seu servizo abnegado: non dedican moitas horas na xornada —e aínda na noite— a esas tarefas? Non teremos nada que aprender deles?
Mentres falo, eu tamén examino a miña conduta e confésovos que, ao formularme esta pregunta, sinto un pouco de vergoña e o desexo inmediato de pedir perdón a Deus, pensando na miña resposta tan débil, tan afastada da misión que Deus nos confiou no mundo. «Cristo —escribe un Padre da Igrexa— deixounos para que fósemos coma lámpadas; para que nos convertésemos en mestres dos demais; para que actuásemos como lévedo, para que vivísemos como anxos entre os homes, como adultos entre os nenos, como espirituais entre xente soamente racional; para que fósemos semente; para que producísemos froito. Non sería necesario abrir a boca, se a nosa vida resplandecese deste xeito. Sobrarían as palabras, se mostrásemos as obras. Non habería nin un só pagan, se nós fósemos verdadeiramente cristiáns»12.
San Xoán Crisóstomo, In Epistolam I ad Timotheum homiliae, 10, 3 (PG 62, 551).
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/60/ (14-12-2025)