61
Valor exemplar da vida profesional
Temos que evitar o erro de considerar que o apostolado se reduce ao testemuño dunhas prácticas piadosas. Ti e mais eu somos cristiáns, pero á vez, sen solución de continuidade, cidadáns e traballadores, cunhas obrigas claras que temos que cumprir dun xeito exemplar, se de veras queremos santificarnos. É Xesucristo o que nos aprema: vós sodes a luz do mundo: non se pode encubrir unha cidade edificada sobre un monte, nin se acende a luz para poñela debaixo dun celamín, senón sobre o candeeiro, co fin de que alume a todos os da casa; brille así a vosa luz diante dos homes, de xeito que miren as vosas boas obras e glorifiquen ao voso Pai que está nosceos13.
O traballo profesional —sexa o que sexa— convértese nun candeeiro que alumea aos vosos colegas e amigos. Por iso adoito repetir aos que se incorporan ao Opus Dei, e a miña afirmación vale para todos os que me escoitades: que me importa que me digan que fulano é un bo fillo meu —un bo cristián—, pero un mal zapateiro! Se non se esforza por aprender ben o seu oficio, ou en executalo con esmero, non poderá santificalo nin ofrecerllo ao Señor; e a santificación do traballo ordinario constitúe coma o gonzo da verdadeira espiritualidade para os que —inmersos nas realidades temporais— estamos decididos a tratar a Deus.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/61/ (14-12-2025)