62

Loitade contra esa excesiva comprensión que cada quen ten de si mesmo: esixídevos! Ás veces pensamos de máis na saúde; no descanso, que non debe faltar, precisamente porque é necesario para volver ao traballo con renovadas forzas. Mais ese descanso —escribín hai xa tantos anos— non é non facer nada: é distraernosen actividades que esixen menos esforzo.

Noutras ocasións, con falsas escusas, somos demasiado cómodos, esquecémonos da bendita responsabilidade que pesa sobre os nosos ombreiros, conformámonos co que abonda para saír do paso, deixámonos levar por razoadas senrazóns para estar man sobre man, mentres Satanás e os seus aliados non se toman vacacións. Escoita con atención, e medita, o que lles escribía san Paulo aos cristiáns que eran por oficio servos: urxíalles para que obedecesen aos seus amos, sen servilos só cando teñen os ollos postos sobre vós, coma se non pensásedes máis que en compracer os homes, senón como servos de Cristo, que fan de corazón a vontade de Deus; e servídeos con amor; facéndovos cargo de que servides o Señor e non os homes14. Que bo consello para que o sigamos ti e mais eu!

Imos pedir luz a Xesucristo Noso Señor, e pregarlle que nos axude a descubrir, en cada instante, ese sentido divino que  transforma a nosa vocación profesional no gonzo sobre o que se fundamenta e xira a nosa chamada á santidade. No Evanxeo atoparedes que Xesús era coñecido como faber, filius Mariae15, o obreiro, o fillo de María: pois tamén nós con orgullo santo, teremos que demostrar con feitos que somos traballadores!, homes é mulleres de labor!

Posto que nos temos que comportar sempre como enviados de Deus, debemos ter moi presente que non lle servimos con lealdade cando abandonamos a nosa tarefa; cando non compartimos cos demais o empeño e a abnegación no cumprimento dos compromisos profesionais; cando nos poidan sinalar como lacazáns, informais, frívolos, desordenados, preguiceiros, inútiles... Porque quen descoida estas obrigas, en aparencia menos importantes, dificilmente vencerá nas outras da vida interior, que certamente son máis custosas. Quen é fiel no pouco, tamén o será no moito,e quen é inxusto no pouco, tamén o será no moito16.

Notas
14

Eph VI, 6-7.

15

Mc VI, 3.

16

Lc XVI, 10.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma