63

Non estou a falar de ideais imaxinarios. Atéñome a unha realidade moi concreta, de importancia capital, capaz de cambiar o ambiente máis pagán e máis hostil ás exixencias divinas, como aconteceu naquela primeira época da era da nosa salvación. Saboreade estas palabras dun autor anónimo deses tempos, que resume así a grandeza da nosa vocación: os cristiáns «son para o mundo a que a alma para o corpo. Viven no mundo, pero non son mundanos, como a alma está no corpo, pero non é corpórea. Habitan en todas as vilas, como a alma está en todas as partes do corpo. Actúan pola súa vida interior sen se facer notar, como a alma pola súa esencia... Viven como peregrinos entre cousas perecedoiras na esperanza da incorruptibilidade dos ceos, como a alma inmortal vive agora nunha tenda mortal. Multiplícanse de día en día baixo as persecucións, como a alma se embelece mortificándose... E non lles é lícito aos cristiáns abandonar a súa misión no mundo, como á alma non lle está permitido separarse voluntariamente do corpo»17.

Polo tanto, equivocariamos o camiño se nos desentendésemos dos afáns temporais: aí agárdanos tamén o Señor; estade certos de que á través das circunstancias da vida ordinaria, ordenadas ou permitidas pola Providencia na súa sabedoría infinita, os homes temos que nos achegar a Deus. Non lograremos ese fin se non tendemos a rematar ben a nosa tarefa; se non perseveramos no empuxe do traballo comezado con ilusión humana e sobrenatural; se non desempeñamos o noso oficio como o mellor e se é posible —penso que se ti verdadeiramente queres, serao— mellor que o mellor, porque usaremos todos os medios terreos honrados e os espirituais necesarios, para ofrecerlle ao Noso Señor un labor primoroso, acabado, coma unha filigrana, cabal.

Notas
17

Epistola ad Diognetum, 6, (PG 2, 1175).

Este punto noutro idioma