64
Facer do traballo oración
Acostumo dicir con frecuencia que, nestes momentos de conversa con Xesús, que nos ve e nos escoita desde o Sagrario, non podemos caer nunha oración impersoal; e comento que, para meditar de xeito que se instaure axiña un diálogo co Señor —non se precisa o ruído de palabras—, temos que saír do anonimato, poñérmonos na súa presenza tal como somos, sen emboscarnos na multitude que inza a igrexa, nin diluírnos nunha sarta de verborrea oca, que non agroma do corazón, como moito dun costume despoxado de contido.
Pois agora engado que tamén o teu traballo debe ser oración persoal, hase converter nunha grande conversa co Noso Pai que está no Ceo. Se buscas a santificación en e a través da túa actividade profesional, necesariamente terás que te esforzar en que se converta nunha oración sen anonimato. Tampouco estes afáns teus poden caer na escuridade anódina dunha tarefa rutineira, impersoal, porque nese mesmo instante morrería o aliciente divino que anima o teu quefacer cotián.
Véñenme agora á memoria as miñas viaxes ás frontes de batalla durante a guerra civil española. Sen contar con medio humano ningún, acudía onde se atopaba calquera que necesitase do meu labor de sacerdote. Naquelas circunstancias tan peculiares, que quizais daban pé a moitos para xustificar os seus abandonos e os seus desleixos, non me limitaba a suxerir un consello simplemente ascético. Movíame entón a mesma preocupación que sinto agora, e que estou tratando de que o Señor esperte en cada un de vós: interesábame polo ben da súas almas, e tamén pola súa alegría aquí na terra; animábaos a que aproveitasen o tempo con tarefas útiles; a que a guerra non constituíse como unha especie de paréntese pechada na súa vida; pedíalles que non se abandonasen, que fixesen o posible por non converter a trincheira e a garita nunha especie de sala de espera das estacións de ferrocarril de entón, onde a xente mataba o tempo, agardando aqueles trens que parecía que non ían chegar nunca...
Suxeríalles concretamente que se ocupasen nalgunha actividade de proveito —estudar, aprender idiomas, por exemplo— compatible co seu servizo de soldados; aconselláballes que non deixasen nunca de ser homes de Deus e procurasen que toda a súa conduta fose operatio Dei, traballo de Deus. E conmovíame ao comprobar que aqueles mozos, en situacións nada fáciles, respondían marabillosamente: notábase a solidez da súa afouteza interior.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/64/ (14-12-2025)