65
Recordo tamén a tempada da miña estancia en Burgos, durante esa mesma época. Alí acudían tantos, para pasar uns días comigo, nos períodos de permiso, á parte dos que permanecían destacados nos cuarteis da zona. Como vivenda compartía, cuns poucos fillos meus, o mesmo cuarto dun estrangallado hotel e, malia que careciamos do máis imprescindible, organizabámonos de xeito que os que viñan —eran centos!— non lles faltase o necesario para descansar e repor as forzas.
Tiña o costume de saír de paseo pola beira do Arlanzón, mentres conversaba con eles, mentres escoitaba as súas confidencias, mentres trataba de orientalos co consello oportuno que lles confirmase ou lles abrise horizontes novos de vida interior; e sempre, coa axuda de Deus, animábaos, estimulábaos, e acendíaos na súa conduta de cristiáns. Ás veces, as nosas camiñadas levábannos ao mosteiro de Las Huelgas, e noutras ocasións escapabamos ata a Catedral.
Gustábame subir a unha torre, para contemplar de preto o coroamento, un auténtico encaixe de pedra, froito dun labor paciente, custoso. Nesas charlas facíalles notar que aquela marabilla non se vía desde abaixo. E, para materializar o que con repetida frecuencia lles explicara, comentáballes: isto é traballo de Deus, obra de Deus!: rematar a tarefa persoal con perfección, con beleza, co primor desas delicadas blondas de pedra. Comprendían, ante esa realidade que entraba polos ollos, que todo iso era oración, un diálogo fermoso co Señor. Os que gastaron as súas enerxías nesa tarefa, sabían perfectamente que desde as rúas da cidade ninguén apreciaría o seu esforzo: era só para Deus. Entendes como nos pode achegar ao Señor a vocación profesional? Fai ti o mesmo que aqueles canteiros, e o teu traballo será tamén operatio Dei, un labor humano con entrañas e perfís divinos.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/65/ (14-12-2025)