67

67 Possumus! 20, podemos vencer esa batalla, coa axuda do Señor. Persuadídevos de que non resulta difícil converter o traballo nun diálogo de oración. Nada máis ofrecelo e poñer mans á obra, Deus xa escoita, xa alenta. Acadamos o estilo das almas contemplativas, no medio do labor cotián! Porque nos invade a certeza de que El nos mira, ao tempo que nos pide un vencemento novo: ese pequeno sacrificio, ese sorriso ante a persoa inoportuna, ese comezar polo quefacer menos agradable pero máis urxente, ese coidar os detalles de orde, con perseveranza no cumprimento do deber cando tan fácil sería abandonalo, ese non deixar para mañá o que temos que rematar hoxe: todo por darlle gusto a El, ao Noso Pai Deus! E quizais sobre a túa mesa, ou nun lugar discreto que non chame a atención, pero que a ti che serva como espertador do espírito contemplativo, colocas o crucifixo, que xa é para a túa alma e para a túa mente o manual onde aprendes as leccións de servizo.

Se te decides —sen rarezas, sen abandonar o mundo, no medio das túas ocupacións habituais— a entrar por estes camiños de contemplación, deseguido sentiraste amigo do Mestre, co divino encargo de abrir os vieiros divinos na terra á humanidade enteira. Abofé, con ese labor teu contribuirás a que se estenda o reinado de Cristo en todos os continentes. E sucederanse, unha tras outra, as horas de traballo ofrecidas polas afastadas nacións que nacen á fe, polos pobos de oriente impedidos barbaramente de profesar con liberdade as súas crenzas, polos países de antiga tradición cristiá onde parece que se escureceu a luz do Evanxeo e se debaten as almas nas sombras da ignorancia... Entón, que valor adquire esa hora de traballo!, ese continuar co mesmo empeño un anaco máis, uns minutos máis, ata rematar a tarefa. Convertes, dun xeito práctico e sinxelo, a contemplación en apostolado, coma unha necesidade imperiosa do corazón, que latexa ao unísono co docísimo e misericordioso Corazón de Xesús, Noso Señor.

Notas
20

Mt XX, 22.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma