71
Para lograr esta meta, témonos que conducir movidos polo Amor, nunca como o que soporta o peso dun castigo ou unha maldición: todo canto facedes, sexa de palabra ou de obra, facédeo todo no nome do Noso Señor Xesucristo, dando por medio del grazas a Deus Pai 26. E deste xeito rematamos o noso quefacer con perfección, enchendo o tempo, porque seremos instrumentos namorados de Deus, que advirten toda a responsabilidade e toda a confianza que o Señor deposita sobre os seus ombreiros, a pesar da súa propia debilidade. En cada unha das túas actividades, porque contas coa fortaleza de Deus, haste de comportar como quen se move exclusivamente por Amor.
Pero non pechemos os ollos á realidade, conformándonos cunha visión inxenua, superficial, que nos leve a idea de que nos agarda un camiño fácil, e que bastan para percorrelo uns propósitos sinxelos e uns desexos ardentes de servir a Deus. Non o dubidedes: ao longo dos anos, presentaranse —quizais antes do que pensamos— situacións particularmente custosas, que esixirán moito espírito de sacrificio e un maior esquecemento dun mesmo. Fomenta entón a virtude da esperanza e, con audacia, fai teu o berro do Apóstolo: en verdade, estou persuadido de que ossufrimentos da vida presente non son de comparar con aquela gloria vindeira que sevai manifestar en nós27; medita con seguridade e con paz: que será o Amor infinito de Deus vertido sobre esta pobre criatura! Chegou a hora, no medio das túas ocupacións ordinarias, de exercitar a fe, de espertar a esperanza, de avivar o amor; é dicir, de activar as tres virtudes teologais, que nos impulsan a rexeitar enseguida, sen disimulos, sen amaños, sen arrodeos, os equívocos na nosa conduta profesional e na nosa vida interior.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/71/ (14-12-2025)