76
Non sabería determinar cal é a principal virtude humana: depende do punto de vista desde o que se mire. Ademais, a cuestión resulta inútil, porque non consiste en practicar unha ou unhas cantas virtudes: é preciso loitar por adquirilas e practicalas todas. Cada unha entrelázase coas demais, e dese xeito, o esforzo por ser sinceros, fainos xustos, alegres, prudentes, serenos.
Tampouco me acaban de convencer esas formas de discorrer, que distinguen as virtudes persoais das virtudes sociais. Non cabe virtude ningunha que poida facilitar o egoísmo; cada unha redunda necesariamente en ben da nosa alma e das almas dos que nos arrodean. Homes todos, e todos fillos de Deus, non podemos concibir a nosa vida como unha afanosa preparación dun brillante currículo, dunha lucida carreira. Todos temos que nos sentir solidarios e, na orde da graza, es tamos unidos polos lazos sobrenaturais da Comuñón dos Santos.
Simultaneamente, temos que considerar que a decisión e a responsabilidade están na liberdade persoal de cada quen, e por iso as virtudes son tamén radicalmente persoais, da persoa. Non obstante, nesta batalla de amor ninguén pelexa só —ninguén é un verso solto, acostumo repetir—: dalgún xeito, axudámonos ou prexudicámonos. Todos somos aneis dunha mesma cadea. Pide agora comigo, a Deus Noso Señor, que esa cadea nos ancore ao seu Corazón, ata que chegue o día de contemplalo cara a cara no Ceo para sempre.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/76/ (14-12-2025)