77

Fortaleza, serenidade, paciencia, magnanimidade

Imos considerar algunhas destas virtudes humanas. Mentres eu fale, vós, pola vosa conta, mantede o diálogo co Noso Señor: rogádelle que nos axude a todos, que nos anime a profundar hoxe no misterio da súa Encarnación, para que tamén nós, na nosa carne, saibamos ser entre os homes testemuño vivo do que veu para salvarnos.

O camiño do cristián, o de calquera home, non é fácil. Certamente, en determinadas épocas, parece que todo se cumpre segundo as nosas previsións; mais isto habitualmente dura pouco. Vivir é enfrontarse con dificultades, sentir no corazón ledicias e desabores; e nesta fragua o home pode adquirir fortaleza, paciencia, magnanimidade, serenidade.

É forte o que persevera no cumprimento do que entende que debe facer, segundo a súa conciencia; o que non mide o valor dunha tarefa exclusivamente polos beneficios que recibe, senón polo servizo que presta aos demais. O forte, ás veces, sofre pero resiste; chora, quizais, pero bebe as súas bagoas. Cando a contradición se acrecenta, non se dobra. Lembrade o exemplo que nos narra o libro dos Macabeos: aquel ancián, Eliazar, que prefire morrer antes que quebrantar a lei de Deus. Animosamente entregarei a vida e mostrareime digno da miña vellez, deixando aos novos un exemplo nobre, para morrer valente e xenerosamente polas nosas venerables e santas leis7.

Notas
7

2 Mac VI, 27-28.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma