81

Laboriosidade, dilixencia

Hai dúas virtudes humanas —a laboriosidade e a dilixencia—, que se funden nunha soa: no empeño por sacar partido aos talentos que cada quen recibiu de Deus. Son virtudes porque inducen a rematar as cousas ben. Porque o traballo — véñoo predicando desde o 1928— non é unha maldición, nin un castigo do pecado. A Xénese fala desa realidade, antes de que Adán se rebelara contra Deus9. Nos plans do Señor, o home habería de traballar sempre, cooperando dese xeito na inmensa tarefa da creación.

O que é laborioso aproveita o tempo, que non só é ouro, é gloria de Deus! Fai o que debe e está no que fai, non por rutina, nin por ocupar as horas, senón como froito dunha reflexión atenta e ponderada. Por iso é dilixente. O uso normal desta palabra —dilixente— evócanos a súa orixe latina. Dilixente vén do verbo diligo, que é amar, apreciar, escoller como froito dunha atención esmerada e coidadosa. Non é dilixente o que se precipita senón o que traballa con amor, primorosamente.

Noso Señor, perfecto home, elixiu un labor manual, que realizou delicada e entrañablemente durante a case totalidade dos anos que permaneceu na terra. Exercitou a súa actividade de artesán entre os outros habitantes da súa aldea, e aquel quefacer humano e divino demostrounos claramente que a actividade ordinaria non é un detalle de pouca importancia, senón o gonzo da nosa santificación, ocasión continua para atoparnos con Deus e loalo e glorificalo coa operación da nosa intelixencia ou a das nosas mans.

Notas
9

Cfr. Gen II, 15.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma