82

Veracidade e xustiza

As virtudes humanas esixen de nós un esforzo continuado, porque non é doado manter durante longo tempo unha afouteza de honradez ante as situacións que parecen comprometer a propia seguridade. Fixádevos na limpa faceta da veracidade: será certo que caeu en desuso? Triunfou definitivamente a conduta do compromiso, o adozar a pílula e montar a pedra? Témese á verdade. Por iso acódese a un expediente mesquiño: afirmar que ninguén vive e di a verdade, que todos recorren á simulación e á mentira.

Por fortuna non é así. Existen moitas persoas —cristiás e non cristiás— decididas a sacrificar a súa honra e a súa fama pola verdade, que non se axitan nun salto continuo para buscar o sol que máis quenta. Son os mesmos que, porque aman a sinceridade, saben rectificar cando descobren que se equivocaron. Non rectifica o que comeza mentindo, o que converteu a verdade só nunha palabra sonora para encubrir as súas claudicacións.

Este punto noutro idioma