84

Os froitos da temperanza

Temperanza é señorío. Non todo o que experimentamos no corpo e na alma ten que se resolver a renda solta. Non todo o que se pode facer debe facerse. Resulta máis cómodo deixarse arrastrar polos impulsos que chaman naturais; pero ao final dese camiño atópase a tristura, o illamento na propia miseria.

Algúns non desexan negar nada ao estómago, aos ollos, ás mans; néganse a escoitar a quen aconselle vivir unha vida limpa. A facultade de xerar —que é unha realidade nobre, participación no poder creador de Deus— utilízana desordenadamente, como un instrumento ao servizo do egoísmo.

Pero non me gustou nunca falar de impureza. Quero considerar os froitos da temperanza, queiro ver o home, verdadeiramente home, que non está amarrado ás cousas que brillan sen valor, como as chilindradas que recolle a pega. Ese home sabe prescindir do que produce dano á súa alma, e decátase de que o sacrificio é só aparente: porque ao vivir así —con sacrificio— líbrase de moitas escravitudes e logra, no íntimo do seu corazón, saborear todo o amor de Deus.

A vida recobra entón os matices que a destemperanza es-vaece; estase en condicións de preocuparse dos demais, de compartir o propio con todos, de dedicarse a tarefas grandes. A temperanza cría a alma sobria, modesta, comprensiva; facilítalle un natural recato que é sempre atractivo, porque se nota na conduta o señorío da intelixencia. A temperanza non supón limitación, senón grandeza. Hai moita máis privación na destemperanza, na que o corazón abdica de si mesmo, para servir o primeiro que lle presente o pobre son duns chocallos de lata.

Este punto noutro idioma