9
Ao meditar aquelas palabras do Noso Señor: Eu, por amor deles santifícome a Minmesmo para que eles sexan santificados na verdade14, percibimos con claridade o noso único fin: a santificación, ou ben, que temos que ser santos para santificar. Á vez, como unha sutil tentación, quizais nos asalte o pensamento de que moi poucos estamos decididos a responder a esa invitación divina, aparte de que nos vemos como instrumentos de moi escasa categoría. En verdade, somos poucos, en comparación co resto da humanidade, e persoalmente non valemos nada; pero a afirmación do Mestre resoa con autoridade: o cristián é luz, sal, fermento do mundo, e un pouco de lévedo faifermentar toda a masa15. Por isto precisamente, prediquei sempre que nos interesan todas as almas —das cen, cen—, sen discriminacións de ningún xénero, coa certeza de que Xesucristo nos redimiu a todos, e quérenos empregar a uns poucos, a pesar da nosa nulidade persoal, para que demos a coñecer esta salvación.
Un discípulo de Cristo xamais tratará mal a persoa nin-gunha; ao erro chámalle erro, pero ao que está equivocado débeo corrixir con afecto: doutro xeito, non o poderá axudar, non o poderá santificar. Hai que convivir, hai que comprender, hai que desculpar, hai que ser fraternos; e, como aconsellaba san Xoán da Cruz, en todo momento «hai que pór amor, onde non hai amor, para sacar amor»16, tamén nesas circunstancias aparentemente intranscendentes que nos brindan o traballo profesional e as relacións familiares e sociais. Polo tanto, ti e mais eu aproveitaremos ata as máis banais oportunidades que se presenten ao noso redor, para santificalas, para santificarnos e para santificar aos que connosco comparten os mesmos afáns cotiáns, sentindo nas nosas vidas o peso doce e suxestivo da corredención.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/9/ (14-12-2025)