90
A naturalidade e a sinxeleza son dúas marabillosas virtudes humanas, que fan ao home capaz de recibir a mensaxe de Cristo. E, pola contra, todo o encerellado, o complicado, as voltas e reviravoltas arredor dun mesmo, constitúen un muro que impide con frecuencia oír a voz do Señor. Lembrade o que Cristo bota en cara aos fariseos: metéronse nun mundo retorcido que esixe pagar décimos do saramago, do aneto e do comiño, abandonando as obrigas máis esenciais da lei, a xustiza e a fe; esméranse en coar todo o que beben, para que non pase nin un mosquito, pero tráganse un camelo21.
Non. Nin a vida humana nobre do que —sen culpa— non coñece a Cristo, nin a vida do cristián deben ser raras, estrañas. Estas virtudes humanas, que estamos considerando hoxe, conducen todas á mesma conclusión. É verdadeiramente home o que se empeña en ser veraz, leal, sincero, forte, temperado, xeneroso, sereno, xusto, laborioso, paciente. Comportarse dese xeito pode resultar difícil, mais nunca estraño. Se algúns se asombrasen, sería porque miran con ollos turbios, nubrados por unha secreta covardía, falta de afouteza.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/90/ (14-12-2025)